O territorio do Ulla Tambre Mandeo está conformado polos concellos de Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques, Touro e Vilasantar. Ten unha extensión de 911 km2, o que representa o 11% da superficie provincial e o 3% da superficie galega. Está situado no extremo sueste da provincia da Coruña, próxima á comarca de Santiago, coa que ten intensas relacións económicas e funcionais. Do mesmo xeito, a súa localización no interior de Galicia e a rede de estradas existentes permítelle estar comunicada coas principais cidades de Galicia con traxectos de menos de 90 minutos de duración, sendo Vigo e Ourense as que se atopan máis lonxe.

Trátase dunha zona caracterizada por un relevo pouco accidentado e cunha altitude media de 300-600m onde os principais accidentes xeográficos se dan nas fronteiras da mesma, ó leste coas Serras da Cova da Serpe e do Careón (zona Rede Natura) e cara ó sur co río Ulla e o Embalse de Portodemouros.

No tocante á rede hidrográfica, son moitos os ríos e regatos que teñen o seu trazado polo territorio e tres son os ríos principais que o bañan e lle dan identidade e personalidade común: polo Norte, os ríos Mandeo e Tambre, este último actuando de fronteira natural, e no sur, é o río Ulla o que fai ese papel enchendo o embalse de Portodemouros onde nos atopamos co único ferri de augas interiores de Galicia.

Dende o punto de vista climático, a comarca presenta os trazos típicos dun clima temperado de zona do interior, con influencias oceánicas que penetran a través do Ulla, favorecendo un réxime pluviométrico abundante (entre 1400-1900mm anuais), o que non impide un acusado mínimo estival, dado que no verán só cae arredor do 10-12% das precipitacións. As temperaturas medias anuais son relativamente suaves, e a amplitude térmica xira arredor dos 10 ºC, o afastamento da costa determina unhas temperaturas invernais que prolongan o período con riscos de xeada entre outubro e abril, aínda que os valores de temperatura media non difiren moito doutras estacións situadas na costa.

No territorio, composto por nove concellos, existen un total de 137 parroquias, divididas, a súa vez, en 1.225 entidades singulares, das que 294 núcleos de poboación (máis de 10 casas ou 50 habitantes) e 931 son lugares diseminados. Mentres que o número de concellos, de parroquias e de núcleos de poboación supoñen un peso relativo con respecto a Galicia de preto do 3%, ó igual que a superficie total en km2, as entidades singulares e os diseminados teñen un peso relativo maior, o que fala dunha importante dispersión da poboación.

En canto á rede viaria, a rede nacional está representada polas estradas N-547 Lugo-Santiago que atravesa O Pino, Arzúa e Melide e a N-634 que, desde o límite municipal de O Pino na Lavacolla enlaza coa N-VI, pasando por Vilasantar.

No territorio non hai autovías, nin autoestradas nin vías rápidas. Ambas nacionais funcionan como estradas principais á espera da habilitación da totalidade da autovía A54 que unirá Lugo e Santiago, seguindo un trazado similar ó da N-547.

O aeroporto de Lavacolla está parcialmente situado no Concello do Pino, o que nos dá unha idea da súa proximidade.

Outros trazados que vertebran o conxunto do territorio e supoñen un potencial económico, social e cultural sen parangón son as distintas vertentes oficiais do Camiño de Santiago. Desde o máis coñecido e internacional Camiño Francés (Melide, Arzúa, O Pino) ata os de carácter menos transitados do Norte, o cal discorre por Sobrado, e o Primitivo, o cal fai a súa aparición na provincia por Toques, ata confluír co Francés en Arzúa e Melide, respectivamente.

Respecto ó chan industrial, no noso territorio hai dous polígonos industriais, o da Madanela en Melide e o de Arzúa, ambos con parcelas dispoñibles de titularidade pública.

Na actualidade, o Ulla Tambre Mandeo é un territorio eminentemente rural cunha economía terciarizada, pero na que o sector primario ten un forte peso relativo tanto en emprego como en valor engadido bruto. O sector industrial está minimamente desenvolvido e caracterizado por presentar empresas maduras cun baixo nivel de innovación.

Non obstante, é de destacar o conxunto de empresas asentadas na mina entre Touro e o Pino que conforman un conglomerado no que se relacionan, utilizando uns os residuos de outras como materias primas. A matriz e Francisco Gómez. Estas empresas teñen un marcado carácter innovador. Tamén se asenta na mina a spin-off Galchimia, do sector químico.

Atendendo á demografía, a poboación diminúe de forma constante pola falta de fixación de poboación nova e o envellecemento da residente.

Todos estes factores supoñen un reto para as entidades públicas e privadas que se asentan no territorio e teñen como obxectivo dinamizar a súa economía, mellorar a calidade de vida da súa poboación e convertela nunha comarca de futuro.