A xunta directiva reuniuse na feira de Arzúa para presentar a nova guía turística do Ulla e o Tambre elaborada polo GDR como acto promocional do Xeodestino Terras de Santiago para ordear e dar a coñecer os principais recursos turísticos dos nove concellos nos que traballa: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar. Trátase de dúas rutas circulares para facer en coche ou autobús.

Para a presentación habilitouse un espazo promocional no que ademáis de amosar os principais recursos, se repartía un exemplar da guía a cada participante.

O Presidente do GDR, Don Manuel Taboada, foi o encargado de facer a presentación ás 10:00 horas, destacou que o Xeodestino Terras de Santiago inclúe 29 concellos, todos eles ó redor da campital Compostelá, que imos promocionar turísticamente para que peregrinos e turistas coñezan todo o patrimonio e natureza que temos na contorna. Un territorio marcado, sobre todo, por tódolos camiños de peregrinaxe, un dos recursos máis importantes. Cada ano recibimos a milleiros de persoas en peregrinación que atravesan o noso territorio e que, en moitas ocasións, marchan sen descubrir todo o que temos máis aló do Camiño. Co obxectivo de amosalo ó mundo, confeccionamos esta Guía do Ulla e o Tambre.

Igual que existe o viño bus, que ordena os recursos vitivinícolas, en Arzúa tivemos onte o o Río Bus, que percorreu unha fracción da ruta que se propón na guía turística. A esta cita do Río Bus acudiron un total de 16 persoas e empresas do mundo do turismo e a gastronomía: axencias de viaxes, blogueiros, investigadores da universidade, guías turísticas, etc. A visita incluíu paradas na Igrexa románica de Santa María de Melide, no mosteiro prerrománico de San Antolín de Toques, e a lagoa e o Mosteiro Barroco de Sobrado.

As dúas rutas turísticas que propón a guía son circulares, duns 70 quilómetros de percorrido cada unha. Ambas se poden iniciar en puntos próximos a Santiago (como O Pino), a Lugo (Melide) ou Coruña (se saímos dende Vilasantar) e percorren puntos de gran beleza natural como as Fervenzas das Brañas no Furelos ou a das Hortas entre Touro e Arzúa, cruza o embalse de Portodemouros no Ferri Azulón Primeiro e visita monumentos patrimoniais de distintas épocas, dende o prehistórico dolmen Forno dos Mouros en Toques, ata o máis moderno batán de Vilasantar ou o recén inaugurado museo Bea Rey de Sobrado.

O GDR Ulla Tambre Mandeo aproveitou o espazo cedido polo Concello de Arzúa para promocionar tamén o recetario elaborado pola Chef Lucía Freitas. Unha nova actuación dentro da marca de calidade dos produtos agroalimentarios da zona: Manxares. As recetas están elaboradas con produtos tan importantes aquí como o queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, a repostería tradicional de Melide e outros que fabrican as empresas da zona e que teñen unha gran calidade e singularidade: xeados, embutidos, doces etc.