O GDR Ulla Tambre Mandeo organiza esta exposición de gran formato ó aire libre. Unha interesante mostra coas 30 mellores imaxes do territorio do GDR (Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vilasantar).

A mostra, que foi inaugurada hoxe polo Presidente do Grupo, Manuel Taboada e o propio alcalde de Vilasantar, que tamén ostenta o cargo de Tesoureiro no GDR, pode ser visitada en calquera horario ata o próximo 20 de xuño. Está situada no Xardín Botánico de Vilasantar.

 

 

Vilasantar. 10-06-2022. Trinta fotografías de gran formato percorrerán durante o verán distintas localizacións para promocionar os recursos turísticos dos nove concellos que aglutina o GDR Ulla Tambre Mandeo coa idea de que os espectadores se animen a coñecelos. As espectaculares imaxes, montadas en paneis ó aire libre, poderán ser visitados por veciños e visitantes foráneos.

Fernando Pérez destaca que a exposición dá a coñecer espazos de beleza incomparable e en ocasións pouco coñecidos, como as distintas fervenzas do Ulla e os seus afluentes, a ribeira do Tambre ou o Mosteiro de Sobrado. Pero, incide, para min, o mellor lugar do mundo para perderme é Mezonzo, en Vilasantar, tanto polo seu batán, como pola ruta de sendeirismo e pola impoñente igrexa románica. Por iso - apunta-  colocou a foto máis importante da exposición, a de Pepe no batán, presidindo a entrada do concello. Para ver esta fotografía é necesario achegarse á casa consistorial.

Polo tanto, imaxes da lagoa e o mosteiro de Sobrado, do encoro de Portodemouros, de rutas fluviais a carón do Ulla, áreas recreativas, igrexas románicas, elementos etnográficos como como hórreos, pontes e muíños ou gastronomía atraen a mirada dos visitantes dende paneis dun metro de alto por metro e medio de ancho para dar conta dos moitos atractivos que os concellos de Arzúa, Melide, Boimorto, O Pino, Toques, Touro, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vilasantar poden ofrecerlles aos visitantes. Acompaña as fotografías un breve texto informativo para situar e contextualizar os recursos.

Rodrigo Antonio Vázquez e Adolfo Enríquez, recoñecido fotógrafo autores de numerosas exposicións e publicacións turísticas, asinan a maioría das fotos que compoñen a exposición.

As fotografías poderán verse en Vilasantar ata o próximo día 20 de xuño. Despois desprazaranse ao Camiño Norte no concello de Sobrado dos Monxes.