O cicloturismo é unha actividade física que se leva a cabo en plena natureza e que cada vez goza de maior aceptación, xa que combina o exercicio físico coa descuberta e o coñecemento. A existencia de diferentes tipos de itinerarios facilita o acceso a todos á práctica do cicloturismo, converténdoo nunha actividade ideal para realizar coa familia ou os amigos.

A contorna do Ulla mostra unha típica paisaxe galega de interior dominada pola cor verde que a caracteriza e o azul verdoso do río Ulla, que acompaña de forma cambiante dende as fervenzas de Touro e Arzúa ata as augas mansas e abertas do encoro de Portodemouros. Este territorio presenta unha extraordinaria diversidade que se manifesta non só na riqueza da súa historia, cultura e patrimonio, senón tamén nunha variada beleza paisaxística que vos propoñemos percorrer a través das rutas de cicloturismo que ofrece esta guía.

 

Ruta do Encoro de Portodemouros

O Encoro de Portodemouros é sen dúbida un dos recursos naturais máis interesantes do territorio. Esta ruta de 32 quilómetros bordea o encoro construido no ano 1968 entre os municipios de Arzúa (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra).

Ademais do encoro, que conforma un espazo ideal para practicar deportes náuticos como a vela e o piragüismo, esta ruta conta con outros múltiples atractivos naturais, entre eles a Fervenza das Hortas, un impresionante salto de auga entre os municipios de Arzúa e Touro. E moi preto de Arzúa, a área recreativa de Ribadiso, un lugar frecuentado por peregrinos que desfrutan dun pequeno descanso nunha contorna de gran beleza.

Tamén existe a posibilidade de enlazar este itinerario co Camiño Francés a Santiago de Compostela e incluso ao final do percorrido pódese enlazar coa variante do Camiño do Norte.

 

TIPO DE RUTA  Lineal       

DISTANCIA (KM)  32,55       

ACUMULADO (M) 843      

ÍNDICE IBP 78       

DIFICULTADE  Moi dura     

DURACIÓN ESTIMADA  03:00        

PUNTO INICIO Fervenza das Hortas        

PUNTO FINAL  A Paínza         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike 

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

Ruta da Telleira

Ruta circular recentemente acondicionada e sinalizada. Desde o Concello de Boimorto o itinerario continúa polas aldeas de Castro Rico, Ribadiso e Ribeiro e inclúe espazos naturais de gran beleza paisaxística como a Fonte dos Armelos, o río Iso ou a carballeira próxima ao Pazo de Bieite, testemuña do antigo poder feudal.

A ruta recibe o seu nome da antiga Telleira de Baiuca, situada en Boimil, a tan só un quilómetro do núcleo urbano, na contorna natural do río Iso, afluente do Ulla. Trátase dunha antiga explotación de barro que contaba cunha fábrica de tellas e que se atopa xusto ao lado do Camiño do Norte a Santiago de Compostela.

O río Tambre, ao seu paso pola área recreativa de Ponte Castro, na parroquia de Arceo, permite completar a ruta cun baño grazas ás súas tranquilas augas.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  9,15       

ACUMULADO (M) 184       

ÍNDICE IBP 19       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  00:45       

PUNTO INICIO Praza do Concello de Boimorto        

PUNTO FINAL  Praza do Concello de Boimorto         

 BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

IET Ruta Cicloturista Centro Xeográfico de Galicia dende Melide

Ruta lineal de 36 quilómetros cun nivel de dificultade alto debido aos constantes tramos en ascenso e descenso. A ruta combina unha parte importante de pista asfaltada e algo máis da metade do trazado a través de camiños de terra.

O punto de inicio é a localidade de Melide e desde alí o trazado corresponde co Camiño de Santiago, aínda que en sentido inverso. O punto de chegada é o centro xeográfico de Galicia, o quilómetro cero de Galicia, ubicado no lugar de Nugallás, en Antas de Ulla, provincia de Lugo.

Este sendeiro está moi ligado ao Camiño Francés, que transformou o territorio desde a súa aparición na Idade Media. Un dos lugares máis interesantes do percorrido é precisamente o Castelo de Pambre, en Palas de Rei, unha antiga fortaleza militar medieval que sirviu para protexer a peregrinos e viaxeiros.

 

TIPO DE RUTA  Lineal        

DISTANCIA (KM)  36,04       

ACUMULADO (M) 758      

NDICE IBP 68       

DIFICULTADE  Dura    

DURACIÓN ESTIMADA  03:00        

PUNTO INICIO Centro urbano de Melide        

PUNTO FINAL  Centro Xeográfico de Galicia         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

Itinerario Cultural da Montaña

Ruta circular duns 18 quilómetros que parte da Área Recreativa de Pontedapedra en O Pino. Os recursos naturais da ribeira do río Noa, afluente do Tambre, son protagonistas no punto de inicio e final desta ruta de gran interese paisaxístico. O bosque autóctono de ribeira, a fervenza do río Noa e un antigo muíño son algúns dos principais atractivos da área recreativa.

O itinerario pasa polas parroquias de Lardeiros e Pastor, en gran parte a través de pistas asfaltadas e con varios tramos en pendente. A igrexa barroca de San Xián de Lardeiros, coñecida como A Catedral da Montaña debido ás súas dimensións e beleza, constitúe o principal atractivo artístico desta ruta, xunto co cruceiro de San Xián de Lardeiros, a igrexa de Pastor e o pazo de Portouteiro, de titularidade privada.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  18,87       

ACUMULADO (M) 286       

ÍNDICE IBP 22       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  01:30        

PUNTO INICIO Área recreativa Pontedepedra        

PUNTO FINAL  Área recreativa Pontedepedra         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

Senda Panorámica do Picón

Percorrido circular na parroquia de Arca, O Pino, cunha lonxitude total de case 9 quilómetros. A ruta comeza cun perfil moderado a través de espazos como a Carballeira de Santa Cristina, un gran bosque de carballos. O nivel de dificultade increméntase durante a subida ata o impresionante miradoiro na cima do Monte do Picón, que da nome á ruta. Trátase dun dos montes máis destacados do municipio e permite contemplar unhas vistas espectaculares de toda a comarca. O miradoiro coñécese popularmente como O Marco e corresponde co punto xeodésico de maior altitude do Pino. Desde alí, o descenso de volta ao punto de inicio continúa pola paraxe natural de Muíños de Astrar a través dunha corredoira, un antigo camiño ata os muíños tradicionais aínda conservados na zona.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  9:23       

ACUMULADO (M) 229       

ÍNDICE IBP 26       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  01:00        

PUNTO INICIO A Rúa, O Pino        

PUNTO FINAL  A Rúa, O Pino         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

Vía Romana XIX

A Vía XIX era unha calzada romana que unía as cidades de Asturica Augusta (Astorga) e Bracara Augusta (Braga). Gran parte do seu trazado corresponde co Camiño de Santiago e outros sendeiros de orixe medieval. O itinerario da Vía Romana XIX ao seu paso polo municipio do Pino combina tramos de nacional, pistas asfaltadas e camiños de terra. A ruta entra no Pino a través da parroquia de Pereira, preto da igrexa de San Miguel, e continúa por Alvarín, Alvite e Amenal. En Amenal segue pola estrada nacional ata desviarse en dirección a Castrofeito, continuando cara a Capela de Santiso, Budiño e un camiño sobre o río Mera pasando por Ponte Puñide, lugar dun antigo asentamento romano. Despois de Amarelle e Cimadevila o camiño continúa polo municipio de Arzúa cara Cerdeira e O Couto Pequeno

 

TIPO DE RUTA  Lineal        

DISTANCIA (KM)  21:25       

ACUMULADO (M) 206       

ÍNDICE IBP 21       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  01:30        

PUNTO INICIO Pena do Raposo        

PUNTO FINAL  O Couto Pequeno         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

Ruta As dezasete de Santiso

Ruta circular de 70 quilómetros a través do municipio de Santiso que coincide parcialmente co trazado das rutas PR-G 226 Roteiro da Beseña e PR-G 125 Sendeiro de Visantoña.

O punto de inicio e final é o Polideportivo de Visantoña. A partir do Muíño das Cañizas o camiño enlaza coa ruta PR-G 226, de 38 quilómetros de lonxitude. Este tramo lineal segue por amplos camiños e chega ata a contorna do encoro de Portodemouros, que conta cun servizo gratuito de ferri para comunicar Santiso e Vila de Cruces. 

Ao finalizar o PR-G 226 o trazado continúa a través da ruta PR-G 125 ata o conxunto dos Muíños do Tajo. A maior parte do camiño ata o punto final atravesa pistas de terra en bo estado entre prados dedicados á actividade agrícola e gandeira.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  70:88       

ACUMULADO (M) 1463       

ÍNDICE IBP 103       

DIFICULTADE  Moi dura    

DURACIÓN ESTIMADA  06:00        

PUNTO INICIO Polideportivo de Visantoña        

PUNTO FINAL  Polideportivo de Visantoña         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

Coñecer, desfrutar, andar, Barazón e Chorén

Trátase dunha ruta duns 14 quilómetros que combina pistas anchas e de bo firme con algúns camiños estreitos. O trazado atravesa fincas e montes nunha paisaxe natural que corresponde cunha zona gandeira e con prados de distintos cultivos para abastecer as granxas e explotacións locais. As aldeas de Chorén e Barazón son un exemplo da importancia da agricultura e a gandeiría no rural galego.

O río Ulla e o seu afluente o río Furelos completan a paisaxe de bosque autóctono de ribeira, xunto co río Seco, unha contorna única no punto de unión de tres provincias: A Coruña, Pontevedra e Lugo.

Como itinerario alternativo, no quilómetro 3,5 da ruta, á altura dos Muíños Enmeigados, saíndo en sentido contrario ás agullas do reloxo é posible acurtar a ruta a tan só 5 quilómetros.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  14:29       

ACUMULADO (M) 229       

ÍNDICE IBP 17       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  01:15        

PUNTO INICIO Igrexa de Santa María de Barazón        

PUNTO FINAL  Igrexa de Santa María de Barazón         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

Coñecer, desfrutar, andar Beigondo

Esta ruta na parroquia de Beigondo é apta para todo tipo de público, tamén para familias con nenos, xa que o nivel de dificultade é moi baixo. Trátase dun percorrido circular duns 7 quilómetros de lonxitude que comeza no campo da festa de Beigondo cun primeiro tramo de descenso por asfalto.

Case todo o traxecto bordea o Encoro de Portodemouros. A comodidade do itinerario e a ausencia de grandes desniveis permiten desfrutar de toda a contorna natural con tranquilidade, especialmente das carballeiras autóctonas presentes ao longo do sendeiro, e do encoro na cunca do río Ulla. A auga deste encoro abastece a diferentes parroquias de Arzúa, Vila de Cruces e Santiso. Ao lado do embarcadoiro é posible enlazar a ruta homologada PR-G 226 Roteiro da Beseña.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  7:31       

ACUMULADO (M) 90       

ÍNDICE IBP 7       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  00:45        

PUNTO INICIO  San Cosme de Beigondo        

PUNTO FINAL  San Cosme de Beigondo         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

Ruta dos Cabalos

A Ruta dos Cabalos debe o seu nome á Ruta Cabalar do Pantano de Visantoña, unha celebración anual que ten lugar durante o mes de abril. Durante a xornada reúnense os veciños da zona non só para montar a cabalo senón tamén para desfrutar da gastronomía local.

O río Ulla e o Encoro de Portodemouros definen o trazado desta ruta circular que comeza e finaliza na parroquia de Visantoña. Un dos atractivos do percorrido é a opción de viaxar en ferri dunha beira á outra do encoro, tal como fan os veciños da zona e visitantes para cruzar de Santiso a Vila de Cruces.

No quilómetro 5,6 do itinerario, na aldea de Balocás, tamén é posible enlazar coa ruta PR-G 226 Roteiro da Beseña, itinerario homologado de case 38 quilómetros de lonxitude.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  27:15       

ACUMULADO (M) 551       

ÍNDICE IBP 33       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  02:00        

PUNTO INICIO  Polideportivo de Visantoña        

PUNTO FINAL  Polideportivo de Visantoña         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

Roteiro de San Román

O val formado polos regos Boente e Alverde é a paisaxe principal desta sinxela ruta en Santiso. O percorrido comeza no Casal e deseguida chega ata a igrexa de San Pedro de San Román, construida no século XX, aínda que de orixe románica.

Un pouco máis adiante atópase o castro de San Román, xacemento arqueolóxico en bo estado de conservación. Hórreos, fontes, muíños e saltos de auga como a Fervenza de O Fervedoiro converten este sendeiro nun agradable paseo rural. Ao lado desta fervenza foi restaurado o Muíño de O Fervedoiro, aínda que non está en funcionamento.

De volta ao punto de inicio a ruta pasa preto da casa natal de Mateo Segade Bugueiro, en Trixirexe, quen no século XVII foi Arcebispo de México e ao seu regreso ordenou construir a Obra Pía de Santo Antón en Melide.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  9,56       

ACUMULADO (M) 208       

ÍNDICE IBP 23       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  01:00        

PUNTO INICIO  Campo da Igrexa, San Román        

PUNTO FINAL  Campo da Igrexa, San Román         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

PRG-235 Sendeiro de Sobrado dos Monxes / Sendeiro da Pena da Moura

Ruta circular entre pradeiras e pequenos vales fluviais pertencentes á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O percorrido comeza na Lagoa de Sobrado, punto de gran interese para o avistamento de aves. Unha pista asfaltada leva ata o Rego de Caxide e a partir de alí un camiño de terra permite cruzar un par de pequenos regos antes de chegar a Castro do Seixo.

O ascenso á Serra do Bocelo realízase a través dun camiño ancho e con bo firme, con vistas ás enormes pedras graníticas do Roteiro dos Megalitos, que inclúe tamén o Forno dos Mouros, un dolmen prehistórico que data do terceiro milenio a.C.

Continuando ata Coto dos Tarbos pódese desfrutar dunha espléndida panorámica antes de iniciar o descenso de regreso ata o punto de partida.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  13,69       

ACUMULADO (M) 302       

ÍNDICE IBP 33       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  01:30        

PUNTO INICIO  Praza do Concello de Sobrado        

PUNTO FINAL  Praza do Concello de Sobrado         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

PRG-166 Ruta das Fervenzas

Toques é o municipio galego con máis territorio dentro da Red Natura 2000 e conta cunha ampla rede de sendeiros naturais que se poden combinar entre si. A Ruta das Fervenzas vai cara a Serra do Careón en paralelo ao río Furelos, afluente do Ulla. Un primeiro tramo chan entre castiñeiros leva a Paradela e Eirixe, mentras que unha variante máis agreste chega a Paradela por Buxán.

A Fervenza das Brañas, unha das maiores fervenzas de Galicia, ofrece un gran espectáculo natural cunha caída de auga duns 40 metros de altura. Desde a fervenza comeza o tramo de montaña e a partir da aldea gandeira de Prados o camiño descende cara o río Furelos ata que o trazado entronca co tramo de ida e continúa de regreso a través da variante PR-G 166.1.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  13,76       

ACUMULADO (M) 392       

ÍNDICE IBP 49       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  01:30        

PUNTO INICIO  Núcleo de poboación de Toques        

PUNTO FINAL  Núcleo de poboación de Toques         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

PRG-167 Roteiro da Ermida

Esta ruta circular comeza nunha pista en ascensión case constante ata chegar ao quilómetro catro. Antes de iniciar o tramo circular hai un pequeno tramo lineal de 600 metros. Recoméndase seguir a ruta en sentido contrario ás agullas do reloxo para que o desnivel sexa máis suave. 

O traxecto desde o inicio circular ata a ermida de San Xiao corresponde co tramo que presenta unha maior pendente. Desde San Xiao continuando a través de pistas forestais o camiño diríxese ao punto de máis altitude da ruta, onde se atopa a capela de San Cidre e un cruceiro, elemento característico da arquitectura popular galega. A partir de aquí comeza o descenso cun desnivel considerable ata enlazar coa ruta PR-G 166 e finalmente coas aldeas de Buxán e A Tillería para concluir o trazado circular.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  10,01       

ACUMULADO (M) 311       

ÍNDICE IBP 33       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  01:00        

PUNTO INICIO  Núcleo de poboación de Toques        

PUNTO FINAL  Núcleo de poboación de Toques         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

PRG-168 Roteiro dos Megalitos

O itinerario parte da aldea de Mirallos e nos primeiros tramos predominan a montaña, as pistas de terra e a paisaxe de grandes rochas de granito redondeadas. O punto máis destacado é o dolmen Forno dos Mouros, un enterramento colectivo datado arredor do 3.000 a.C. e un dos principais monumentos megalíticos de Galicia.

O itinerario continúa por Baamonde e a medida que se baixa da montaña aumentan os arboredos e os prados ata chegar ao punto de menor altitude, onde se pode enlazar coa PR-G 166 Ruta das Fervenzas na contorna da impresionante Fervenza das Brañas. Desde alí o trazado continúa cara a igrexa de Santa Mariña de Brañas e remata no Monte do Peneiral, a tan só 900 metros do punto de inicio, polo que é unha ruta practicamente circular.

 

TIPO DE RUTA  Circular        

DISTANCIA (KM)  10,83       

ACUMULADO (M) 243       

ÍNDICE IBP 37       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  01:00        

PUNTO INICIO  Monte Peneiral, Toques        

PUNTO FINAL  Mirallos, Toques         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wikoloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

PRG-93 Ruta da Ribeira do Ulla

O Ulla, un dos principais ríos galegos, é o protagonista desta ruta lineal a través de sendas de pescadores, antigos camiños de carro, bosques de ribeira, fervenzas e o fermoso remanso coñecido como Pozo do Pego.

Desde Ponte Basebe o sendeiro comeza nunha carballeira na marxe dereita do río Ulla. Nesta contorna de gran beleza paisaxística aínda se conservan algúns muíños tradicionais e antigas ouriceiras, construcións de pedra situadas no medio de soutos de castiñeiros para almacenar os ourizos das castañas e protexelos dos animais, entre eles os xabarís.

A través de bosques de carballos, castiñeiros e sobreiras, o trazado leva á Fervenza do Inferniño, ao Bosque do Pego, con abundancia de especies autóctonas, e por último ao Pozo do Pego antes de finalizar na estrada de San Pedro de Ribeira.

 

TIPO DE RUTA  Lineal        

DISTANCIA (KM)  12,12       

ACUMULADO (M) 367       

ÍNDICE IBP 26       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  01:15       

PUNTO INICIO  Ponte Basebe        

PUNTO FINAL  San Pedro         

BICICLETA RECOMENDADA Mountain bike

Ruta en wokiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

PRG-195 Ruta dos Muíños do río das Gándaras

Ruta lineal con suaves desniveis a través de sendeiros de terra nunha paisaxe de bosque de ribeira autóctona onde abundan os amieiros, salgueiros e bidueiros, entre outras especies. O punto de inicio atópase na Ponte da Gándara e desde alí a senda descende xunto ao curso do Rego das Gándaras. Esta ruta natural caracterízase pola gran cantidade de muíños de auga conservados, un total de 22 construcións tradicionais.

Despois do Muíño do Xuezo, o Muíño do Fachal e o Muíño de Freire atópanse Os Pasos da Vella, unhas grandes rochas no río que servían para cruzar dunha beira á outra. Un pouco máis adiante o camiño chega ao antigo batán de Mezonzo, restaurado e en funcionamento, ao lado dun salto de auga. E a uns 2 quilómetros en ascenso, Ponte do Sapo, punto final da ruta.

 

TIPO DE RUTA  Lineal       

 DISTANCIA (KM)  5,2      

ACUMULADO (M) 102       

ÍNDICE IBP 6       

DIFICULTADE  Fácil    

DURACIÓN ESTIMADA  00:20       

PUNTO INICIO  A Fraga      

PUNTO FINAL  Pazos         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

EuroVelo R3 “Pilgrims Route” (Etapa 2): Sarria-Melide

A segunda etapa atravesa extensas zonas de prados e carballeiras en dirección ás ribeiras do río Miño, para despois cruzar a ponte que leva á vila de Portomarín, rescatada das augas tras a construción dun encoro e trasladada a esta nova localización. Palas de Rei é unha boa referencia para abastecerse antes de dirixirse á vila de Melide, onde remata esta sección. En Melide encóntrase o que posiblemente sexa o cruceiro máis antigo de Galicia. Tamén hai que probar o polbo á feira nalgunha das súas afamadas polbeiras.

 

TIPO DE RUTA  Lineal        

DISTANCIA (KM)  69,5       

ACUMULADO (M) 1367       

ÍNDICE IBP 86       

DIFICULTADE  Moi dura    

DURACIÓN ESTIMADA  05:00        

PUNTO INICIO  Sarria        

PUNTO FINAL  Melide         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

EuroVelo R3 “Pilgrims Route” (Etapa 3): Melide-Arzúa-Touro-Santiago de Compostela

Desde Melide, no centro de Galicia, o EuroVelo 3 diríxese pola autovía de Visantoña cara á localidade de Arzúa, cabeceira comarcal cunha historia e economía ligada principalmente ao Camiño de Santiago e ao Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa. A través da coñecida como “Ruta ou Camiño do Holandés”, pola estrada autonómica AC-240, a ruta diríxese cara a Fonte Díaz, capital do concello de Touro, onde o río Ulla e os seus afluentes debuxan a súa paisaxe e acondicionan os cultivos e o carácter do seu pobo. O último tramo desta etapa atravesa o concello de Boqueixón ata chegar á Cidade da Cultura, dá a benvida a Santiago de Compostela. A capital de Galicia é unha cidade chea de atractivos de todo tipo, cun centro histórico tan ben conservado que lle valeu a declaración de Patrimonio da Humanidade.

 

TIPO DE RUTA  Lineal        

DISTANCIA (KM)  67,13       

ACUMULADO (M) 1075       

ÍNDICE IBP 60       

DIFICULTADE  Dura    

DURACIÓN ESTIMADA  04:30        

PUNTO INICIO  Melide        

PUNTO FINAL  Praza do Obradoiro         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA

 

 

Camiño do Holandés: Arzúa-Touro-Santiago de Compostela

Esta derivación, pensada para ciclistas, vai dende Arzúa ata Fonte Díaz pola AC-240. Caracterízase, ao seu paso por Touro, pola beleza paisaxística, xunto coa tranquilidade, que se pode gozar seguindo o itinerario que pasa polas parroquias de Beseño, Quión, Andeade, Touro, Loxo e Prevediños. O ciclista pode contemplar as numerosas mostras de arquitectura relixiosa, civil e popular, pero tamén paradas nos espazos naturais, con carballeiras, sendeiros, fervenzas e áreas recreativas a carón do río, perfectas para o descanso do viaxeiro.

 

TIPO DE RUTA  Lineal        

DISTANCIA (KM)  58,38       

ACUMULADO (M) 732       

ÍNDICE IBP 36       

DIFICULTADE  Media    

DURACIÓN ESTIMADA  04:30        

PUNTO INICIO  Leboreiro        

PUNTO FINAL  Corneda         

BICICLETA RECOMENDADA Gravel, trekking, mountain bike

Ruta en wikiloc

DESCARGA FICHA TÉCNICA