O Camiño do Norte é quizais a ruta máis histórica, a primeira que toman os peregrinos de todo o cristianismo europeo da época para alcanzar Santiago de Compostela. A orixe da peregrinación a Santiago pola ruta da costa cantábrica remóntase aos momentos inmediatamente posteriores ao descubrimento da tumba do que din ser o apóstolo Santiago o Maior (s. IX).

A dominación da práctica totalidade da Península Ibérica por parte dos musulmáns, deixa acantoados os reinos cristiáns nas zonas máis setentrionais do país. Os camiños do antigo Reino de Asturias foron pioneiros en canalizar os devotos peregrinos a Santiago.

 

Marco das Pías / Casaldoeiro - Etapa 5 (27.3 Km)

Logo de percorrer catro etapas desde o seu comezo, o Camiño do Norte entra no noso territorio polo concello de Sobrado dos Monxes e prosegue ata chegar á lagoa, antesala do núcleo de poboación de Sobrado onde se atopa un dos mosteiros máis emblemáticos de Galicia. Dende aquí séguese ruta cara a Castro, baixando cara a Corredoiras e Gándara, capital do municipio de Boimorto. Remátase a etapa nas proximidades de Arzúa, máis concretamente no lugar de Casaldoeiro.

 

Casaldoeiro / A Rúa - Etapa 6 (21.1 km)

Casaldoeiro conecta inmediatamente con Arzúa, punto no que o Camiño do Norte e o Camiño Francés se unen. Nesta vila, célebre polos seus queixos con denominación de orixe Arzúa-Ulloa, a ruta faise urbana e pódese visitar a igrexa de Santiago e a capela da Madalena, que pertenceu a un antigo hospital de peregrinos.

 

A Rúa / Santiago de Compostela - Etapa 7 (20.7 km)

Esta última etapa transcorre por Arca, capital do municipio de O Pino. Nesta zona encóntranse restos de citanias da cultura castrexa e unha ponte de orixe romana sobre o río Mera.

O percorrido continúa por unha frondosa senda forestal e segue pola Lavacolla, pasando polas inmediacións do aeroporto compostelán. Comézase o ascenso ata o Monte do Gozo, dende onde se pode albiscar por primeira vez unha extraordinaria panorámica da cidade de Santiago e das torres da Catedral. A partir deste punto iníciase un percorrido urbano que transcorre polos barrios de San Lázaro e Os Concheiros, para continuar pola Rúa de San Pedro, Porta do Camiño, Rúa das Casas Reais, Rúa das Ánimas e Rúa da Acibechería que conduce directamente á Praza do Obradoiro.

Accede a toda a información do Camiño de Santiago neste enlace