O Camiño Francés é a ruta máis coñecida de entre as distintas vías históricas que chegan a Santiago de Compostela (Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Vía da Prata…). Foi recoñecido polo Consello de Europa, en 1987, como o I Itinerario Cultural Europeo e distinguido pola UNESCO, en 1993, como Patrimonio Cultural da Humanidade. No ano 2004 outorgóuselle o premio Príncipe de Asturias da Concordia.

Ten a súa orixe en territorio francés —de aí a súa denominación— e entra en Galicia por unha verea ascendente que alcanza a súa máxima altura nos altos do Cebreiro. En todo o percorrido galego o camiñante poderá gozar da hospitalidade da xente, dunha rica e variada gastronomía, dun importante patrimonio artístico e, en xeral, de todo un país acolledor disposto a recibir ao viaxeiro.

 

Lestedo / A Castañeda - Etapa 5 (27.4 km)

Na etapa 5, o Camiño Francés entra no noso territorio. Partindo de Lestedo pásase polos Valos, A Brea, O Rosario, Palas de Rei, onde o camiñante poderá visitar a igrexa de San Tirso, Campo dos Romeiros, lugar de encontro de peregrinos, San Xulián do Camiño, O Mato, Casanova, Porto de Bois, Couto, primeira aldea do tramo dentro da provincia da Coruña logo de deixar a de Lugo, Leboreiro e a súa igrexa románica, Disicabo, Furelos coa súa ponte medieval, Melide, onde pode realizar unha visita ao Museo Terra de Melide, e admirar o seu cruceiro gótico, Santa María, O Raído, Boente e a súa igrexa de Santiago para chegar ao fin a A Castañeda. Neste lugar relátase a existencia duns fornos de cal que se utilizaron para a construción da catedral de Santiago.

 

A Castañeda / Santa Irene - Etapa 6 (22.1 km)

Abandonando A Castañeda o viaxeiro chega ao Pedrido, Ribadiso e o antigo hospital de peregrinos, actualmente convertido en albergue, Arzúa, onde se atopan a igrexa de Santiago e a capela gótica da Magdalena, Raído, Cortobe, Ferreiros, Boavista, A Salceda, A Brea e para rematar Santa Irene, coa súa fonte e particular igrexa.

 

Santa Irene / Santiago - Etapa 7 (22.4 km)

Para chegar finalmente a Santiago o camiñante parte de Santa Irene para continuar a súa viaxe pola Rúa, última aldea antes de chegar a Arca, capital do Pino, concello inmediatamente anterior ao de Santiago, ao que o camiñante accede pola Lavacolla, onde antigamente existía a tradición de lavar o corpo no río que pasa por alí. Logo de deixar A Lavacolla, chégase ao Monte do Gozo, coñecido con este nome por ser o lugar dende o cal podían admirarse por vez primeira as torres da catedral. O casco antigo da cidade alcánzase pola rúa dos Concheiros para continuar por San Pedro, Porta do Camiño, Casas Reais, praza de Cervantes, A Acibechería e, finalmente, a catedral. Se nos encontramos en Ano Santo, seguramente o camiñante optará por entrar no santuario pola Porta Santa, aberta só durante os anos de Xubileo.

 

Accede a toda a información do Camiño de Santiago neste enlace