O Camiño Primitivo debe o seu nome a ser o primeiro itinerario xacobeo do cal se ten referencia.

Un dos primeiros devotos en seguir esta ruta foi o rei Afonso II o Casto que, gobernando o Reino Astur, realizou o camiño dende Oviedo ata Santiago de Compostela no primeiro terzo do s. IX, para visitar a tumba do Apóstolo descuberta poucos anos antes. A achega do monarca resultou chave para consolidar a peregrinación a Compostela ao confirmar que os restos aparecidos pertencían a Santiago o Maior. Por orde do rei construíuse unha pequena igrexa no lugar do achado, e a noticia propagouse entre a comunidade de crentes, iniciándose as peregrinacións e a organización do culto apostólico na nacente urbe.

Historicamente o punto de orixe do Camiño Primitivo encóntrase na cidade de Oviedo, sumándose á ruta ovetense peregrinos procedentes do norte de España e de Europa. No s. X, coa consolidación do Camiño Francés dende León, confluirán os dous itinerarios no municipio de Melide.

 

Ferreira / A Castañeda – Etapa 4 (28.2 km)

Ao deixar Ferreira entramos no territorio encontrámonos con Leboreira, Augas Santas e Merlán, entrando na provincia da Coruña polo concello de Toques despois de cruzar a serra de Careón e as poboacións de Vilouriz e Vilamor. A ruta chega así a Melide, núcleo de intensa identidade histórica xacobea, coincidindo a partir deste punto co traxecto do Camiño Francés. Destacan nesta vila a igrexa de Sancti Spiritus, onde se encontran sepulcros señoriais do s. XV, e o templo románico de Santa María de Melide. Ao lado da capela de San Roque levántase un cruceiro gótico do s. XIV, considerado como un dos máis antigos de Galicia. Deixando atrás Melide, o itinerario transcorre por Boente, onde destaca a igrexa de Santiago, ata chegar a A Castañeda onde se situaron os fornos de cal que se empregou para a construción da Catedral de Santiago.

 

 

A Castañeda / O Empalme – Etapa 5 (21.3 km)

Cruzando unha ponte medieval atravesamos o río Iso, chegando ao hospital de Ribadiso convertido actualmente en albergue de peregrinos. Seguindo a ruta entramos en Arzúa onde se encontran numerosos vestixios xacobeos como a Igrexa de Santiago ou a capela gótica da Madalena. Ademais a bisbarra é coñecida pola elaboración do queixo de denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Abandónase a localidade e séguese camiño atravesando as aldeas de A Calzada, A Calle e Ferreiros, A Salceda e A Brea para finalizar a etapa no Empalme.

 

O Empalme / Santiago de Compostela – Etapa 6 (23.2 km)

Iníciase o percorrido pasando polas aldeas de Santa Irene, coa súa singular capela e fonte, e A Rúa para chegar a Pedrouzo (Arca), capital do municipio de O Pino. Abandonando O Pino éntrase no municipio de Santiago, pasando polas inmediacións do aeroporto. Ao chegar a A Lavacolla os peregrinos tradicionalmente lavábanse no regato do lugar, para ascender despois ao Monte do Gozo e poder divisar por primeira vez na distancia as torres da Catedral. No descenso iníciase un tramo urbano que se interna na cidade polo barrio de San Lázaro, despois o camiñante alcanza o antigo barrio de Os Concheiros onde se situaban os postos que vendían as cunchas de vieira aos peregrinos recén chegados. Baixando pola rúa de San Pedro desembócase na Porta do Camiño, seguindo pola Rúa das Casas Reais, a Praza de Cervantes e a Rúa da Acibechería para alcanzar a meta final entrando na Catedral de Santiago.

Accede a toda a información do Camiño de Santiago neste enlace