Ariqueza e biodiversidade das Terras do Ulla e do Tambre foi recoñecida con figuras internacionais de conservación e protección natural como son as de Reserva da Biosfera e de Rede Natura 2000.

Reserva da Biosfera
Sobrado dos Monxes pode considerarse como a capital da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A lagoa de Sobrado, situada moi preto de onde nace o Mandeo e regada por augas de varios afluentes do Tambre, é unha das principais zonas húmidas de Galicia.
A lagoa, que foi creada artificialmente no século XVI polos frades do próximo mosteiro de Santa María como coto troiteiro e sistema de rego das hortas e prados lindeiros, é hoxe en día acubillo para aves migratorias que veñen pasar o inverno e un punto de avistamento excepcional de especies como parrulos ou garzas. Nenúfares, ras ou cabaliños do demo ofreceranvos tamén un espectáculo de vida a simple vista.

Rede Natura
A Rede Natura 2000 é a rede de protección determinada pola Unión Europea e inclúe os Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e as Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA).
Dentro da Rede Natura, paga ben a pena visitar a Serra do Careón, pequena cadea montañosa pertencente á Dorsal Galega que se estende polos concellos de Toques, Melide e Santiso e que agocha unha gran singularidade xeolóxica e botánica. Por unha banda, pola presenza de rochas ultrabásicas ricas en serpentinita e, pola outra, por mor da existencia de especies endémicas como a santolina melidensis ou abrótano, arbusto de flores amarelas que vive nunha área moi limitada dos concellos de Santiso e Melide.
Tamén ten declaración LIC e ZEPVN un treito do río Tambre ao seu paso polo concello do Pino. Nun percorrido moi accesible para todos os públicos poderedes gozar dun auténtico bosque de ribeira moi ben conservado, sendo un bo punto de partida para descubrilo a área recreativa fluvial da Tarroeira.