O pasado xoves 13 de xullo o GDR Ulla Tambre Mandeo viviu unha xornada de intensa actividade coa celebración dunha Xunta Directiva, na que se seleccionaron os proxectos promovidos por entidades públicas locais beneficiarios dunha axuda Leader; da Asemblea Xeral ordinaria, onde foron convocadas as preto de 70 entidades que conforman o GDR para a súa posta ó día da actualidade do Grupo; e, finalmente, coa degustación habitual de produtos locais coa que se ven acompañando a xornada grande do GDR, a maior parte deles elaborados no territorio por empresas postas en marcha co apoio do Leader no período anterior.

Xunta Directiva: selección de proxectos de carácter non produtivo

Na reunión da Xunta Directiva, ás 18.00 horas, acordouse a aprobación dos proxectos, de carácter non produtivo e promovidos por concellos, que resultarán beneficiarios dunha axuda Leader na vixente convocatoria. En total, presentáronse no GDR Ulla Tambre Mandeo un total de nove solicitudes desta tipoloxía; os cales suporían un investimento total no territorio por parte dos concello dun millón de euros aproximadamente e preto de 700.000 € en axudas do Leader; os cales superan amplamente as dispoñibilidades financeiras actuais do Leader para este tipo de proxectos cifradas en preto de 190.000 € na vixente convocatoria.

Os membros da Xunta Directiva amosaron a súa inmensa satisfacción pola boa acollida que tivo este comezo de Programa, tanto polo número de iniciativas presentadas como pola súa calidade e coherencia coa Estratexia de Desenvolvemento Local deseñada polo Grupo no 2016 como parte indispensable das súa candidatura a entidade colaboradora na xestión do Leader 2014-2020. Por outra banda, o Presidente do GDR manifestou o seu pesar por non poder atender a totalidade das solicitudes presentadas por mor das dispoñibilidades orzamentarias, se ben os proxectos que quedaron sen asignación por este motivo, continúan optando ós fondos no ano que ven.

Seguindo o criterio da puntuación acadada no baremo de valoración do GDR, foron seleccionadas catro iniciativas,

  • En primeiro lugar, o Concello de Touro poñerá en marcha unha ruta de sendeirismo homologada polo río Ulla, elemento patrimonial prioritario na estratexia do Ulla Tambre Mandeo, que unirá a Fervenza das Hortas, límite dos concellos de Arzúa e Touro, co resto de sendeiros cos que conta a nivel municipal; configurando un futuro sendeiro de longo percorrido que potenciará o atractivo turístico do río. O proxecto conta cun orzamento de 42.300 euros e unha axuda Leader total de preto de 38.000 €.

  • En segundo lugar, o Concello de Boimorto habilitará un centro de envellecemento activo en Arceo, coa reforma e adecuación dun local xa existente e coa adquisición de equipamento coa que a xente maior do concello poderá exercitar mente e corpo, ó tempo se posibilita a súa socialización. O proxecto, de prioridade alta pola súa relación co benestar da poboación maior, conta cun orzamento de 56.000 euros aproximadamente e unha axuda total de 47.000 €.

 

Cunha resolución de axuda parcial, pola inexistencia de fondos suficientes, foron seleccionadas en terceiro e cuarto lugar os proxectos de,

  • Concello de Vilasantar, para a habilitación dun sendeiro homologado pola ribeira do río Gándaras, a través do cal se visitarán os numerosos muíños que existen no mesmo, un dos cales é recoñecido tamén como elemento prioritario na estratexia do GDR, o batán de Mezonzo ó pé da Igrexa de Santa María, o único das súas características, totalmente restaurado e habilitado para poñer en funcionamento. O proxecto conta un orzamento de preto de 173.000 € e unha axuda correspondente de 144.000 aproximadamente, no caso de poder resolverse finalmente pola totalidade.

  • Concello de Melide, relativo á reforma e adecuación da Casa das Coles, edificio singular e de elevado valor patrimonial situado na Praza do mesmo nome, para a posta en marcha dun museo dedicado á valorización da gastronomía e a produción agroalimentaria de calidade no Camiño de Santiago. O proxecto conta un orzamento aproximado de 234.000 €, para o cal lle correspondería unha axuda total de 182.000 €.

 

Celebración Asemblea Xeral do GDR

Despois da reunión da Xunta Directiva, o GDR Ulla Tambre Mandeo celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que as case 70 entidades que conforman a asociación aprobaron as contas económicas do ano 2016 así como a memoria de actividades realizada, onde o principal esforzo se dedicou á candidatura do Ulla Tambre Mandeo como entidade colaboradora na xestión do Leader 2014-2020 coa realización do proceso participativo da poboación e traballo técnico materializado na Estratexia de Desenvolvemento Local confeccionada pola Asociación.

O Presidente do GDR fixo fincapé no seu agradecemento pola implicación de todas as asociacións no traballo realizado, o cal frutificou na adxudicación ó territorio dos 3.256.000 € para o Leader 2014-2020. Por outra banda, resaltou que darlle o mellor uso ós fondos é responsabilidade de todos e todas.

Degustación de produtos locais

A xornada grande do GDR finalizou, como ven sendo habitual, dándolle protagonismo e visibilidade ás empresas e produtos agroalimentarios do territorio a través dunha degustación nos que tiveron presenza produtos identificativos do territorio como o Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa así como outros elaborados por empresas postas en marcha cunha axuda do Leader anterior.