Na Igrexa románica de Santa María de Mezonzo, no Concello de Vilasantar, O GDR Ulla Tambre Mandeo presentou esta mañá unha serie de sete rutas de cicloturismo baixo o título “Camiños de Auga sobre rodas”, que percorrerán os oito concellos do xeodestino.

 

 

Ao acto acudiron membros da Xunta Directiva do GDR Ulla, Tambre, Mandeo; representantes das corporacións municipais de Touro, Vilasantar, Melide, Arzúa, Santiso e Boimorto; e responsables de entidades privadas como as asociacións Alecrín ou Amarai entre outras.

Segundo indicou a presidenta do GDR, Chus Novo, un dos obxectivo estratéxicos do GDR para o vindeiro Leader é converter o territorio nun destino cicloturístico de referencia. “Queremos apostar por este segmento do turismo, que se caracteriza por turistas respectuosos co medio que buscan patrimonio, gastronomía e natureza”. Así pois, incidiu, o territorio do xeodestino “conta con recursos de sobra nos tres eidos”.

 

Sete rutas de pouca dificultade

O proxecto “Camiños de Auga sobre rodas” componse de sete rutas de cicloturismo que se desenvolverán nas últimas fines de semana de outubro. Realizaranse dúas os sábados, unha pola mañá e outra pola tarde, e unha pola mañá os domingos. Trátase de rutas guiadas de pouca dificultade, cunha distancia entre os 18 e os 25 quilómetros, e que se poden percorrer tamén en bicicleta eléctrica.

Ademais de gozar da fermosa contorna, as persoas participantes poderán aprender sobre a historia dos lugares e coñecer puntos de gran renome no xeodestino, como o Coto do Pilar, a fervenza de Brañas, o embalse de Portodemouros, o batán de Mezonzo, ou a igrexa románica de Sendelle.

Como reclamo extra para a participación nestas rutas, o consello regulador da Denominación de Orixe Protexida de Arzúa-Ulloa regalará un queixo aos ciclistas que realicen as sete rutas.

Pola súa banda, Serafín Martínez, encargado da organización das ciclorrutas, fixo fincapé en que non se trata de un evento competitivo, senón “turístico-deportivo”, e no seu carácter gratuíto. Xa que logo, establécese un límite de 70-80 ciclistas por ruta, para garantir a comodidade, a interacción e o respecto á contorna. Así, as persoas interesadas deberanse inscribir nesta ligazón.

Desestacionalizar o turismo

Unha vez rematada a época de maior afluencia de turistas, o GDR Ulla, Tambre, Mandeo pretende atraer novos visitantes con “Camiños de Auga sobre rodas”. Neste sentido, Serafín Martínez explicou que esperan atraer sobre todo a xente do resto de Galicia, de Asturias, León e o norte de Portugal.

Nesta mesma liña, Chus Novo salientou a importancia de atraer a visitantes en tempada baixa para repercutir positivamente nos establecementos de hostalaría.