O Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo é unha asociación sen ánimo de lucro que busca o desenvolvemento rural sostible nas comarcas de Arzúa e Melide e no concello de Vilasantar, principalmente, a través da xestión da medida Leader.

Na súa Asemblea Xeral reúnense preto de 80 entidades do tecido social do territorio, tanto de carácter público, representadas principalmente polos nove Concellos que forman parte da mesma, como de carácter privado, representadas por asociacións de distinta índole e ámbito de actividade: asociacións de empresariado e comercio, SATs, cooperativas, asociacións deportivas, culturais, de mulleres, de mocidade, ambientais, de acción social, veciñais, etc.

O GDR conta co principio de “portas abertas”, é dicir, calquera das entidades antes mencionadas, con máis dun ano de actividade, pode solicitar a entrada na Asemblea Xeral e, unha vez formalizada, ser membro asociado para:

  • Participar nas actividades do GDR (reunións, debates, procesos participativos, etc)
  • Coñecer de preto o traballo da asociación
  • Propoñer ideas e iniciativas
  • Participar no proceso de toma de decisións

Se participas ou pertences a algunha asociación, SAT ou cooperativa do territorio contacta e infórmate na oficina técnica sobre o proceso de adhesión ó GDR, o desenvolvemento do rural depende de ti, PARTICIPA!

 

 

Podes contactar co GDR a través de calquera destes medios:

 

Teléfono: 981 511 377

Correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Enderezo: Avda. de Lugo, 41 Arca 15821 O Pino

O GDR Ulla Tambre Mandeo organiza esta exposición de gran formato ó aire libre. Unha interesante mostra coas 30 mellores imaxes do territorio do GDR (Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vilasantar).

A mostra, que foi inaugurada hoxe polo Presidente do Grupo, Manuel Taboada e o propio alcalde de Vilasantar, que tamén ostenta o cargo de Tesoureiro no GDR, pode ser visitada en calquera horario ata o próximo 20 de xuño. Está situada no Xardín Botánico de Vilasantar.

 

 

Vilasantar. 10-06-2022. Trinta fotografías de gran formato percorrerán durante o verán distintas localizacións para promocionar os recursos turísticos dos nove concellos que aglutina o GDR Ulla Tambre Mandeo coa idea de que os espectadores se animen a coñecelos. As espectaculares imaxes, montadas en paneis ó aire libre, poderán ser visitados por veciños e visitantes foráneos.

Fernando Pérez destaca que a exposición dá a coñecer espazos de beleza incomparable e en ocasións pouco coñecidos, como as distintas fervenzas do Ulla e os seus afluentes, a ribeira do Tambre ou o Mosteiro de Sobrado. Pero, incide, para min, o mellor lugar do mundo para perderme é Mezonzo, en Vilasantar, tanto polo seu batán, como pola ruta de sendeirismo e pola impoñente igrexa románica. Por iso - apunta-  colocou a foto máis importante da exposición, a de Pepe no batán, presidindo a entrada do concello. Para ver esta fotografía é necesario achegarse á casa consistorial.

Polo tanto, imaxes da lagoa e o mosteiro de Sobrado, do encoro de Portodemouros, de rutas fluviais a carón do Ulla, áreas recreativas, igrexas románicas, elementos etnográficos como como hórreos, pontes e muíños ou gastronomía atraen a mirada dos visitantes dende paneis dun metro de alto por metro e medio de ancho para dar conta dos moitos atractivos que os concellos de Arzúa, Melide, Boimorto, O Pino, Toques, Touro, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vilasantar poden ofrecerlles aos visitantes. Acompaña as fotografías un breve texto informativo para situar e contextualizar os recursos.

Rodrigo Antonio Vázquez e Adolfo Enríquez, recoñecido fotógrafo autores de numerosas exposicións e publicacións turísticas, asinan a maioría das fotos que compoñen a exposición.

As fotografías poderán verse en Vilasantar ata o próximo día 20 de xuño. Despois desprazaranse ao Camiño Norte no concello de Sobrado dos Monxes.

O próximo luns 11 de abril, na EFA Piñeiral de Arzúa terá lugar o evento "Camiño de Futuro", organizado conxuntamente pola Axencia Galega de Innovación, o IGAPE, o GDR Ulla Tambre Mandeo e o GDR Asdecomor.

Este acto ten como obxectivo difundir os distintos instrumentos de apoio a disposición das empresas galegas para aumentar a súa competitividade e crecemento económico. Dentro do mesmo, celebrarase tamén  unha mesa redonda con pemes para dar a coñecer casos de éxito da comarca.

A inscrición e o programa están dispoñibles nos seguintes enlaces:

http://xornadas.galiciainnovacion.es/CaminoDeFuturo/

http://gain.xunta.gal/repo/1-ProgramaArzua.pdf

 

 

 

 

A última sorpresa do ano é a celebración dun maratón ornitolóxico, que levaremos a cabo os días 8 e 9 de outubro. Apto para todos os públicos, expertos ornitólogos, afecionados e non iniciados, público infantil e adulto, persoas, grupos e familias. Esta é a actividade final que organiza o GDR este ano dentro da promoción de turismo ambiental nas Comarca de Arzúa, Melide e o Concello de Vilasantar.

Da man de persoal experto coñeceremos e identificaremos exemplares das moitas especies de paxaros e aves que surcan os ceos do territorio e se serven del como acubillo, nas distintas paraxes naturais coas que conta: a Serra do Careón, Rede Natura 2000, a lagoa de Sobrado, Reserva da Biosfera ou as ribeiras dos ríos Ulla e Tambre e os seus afluentes.

Participa nesta actividade en plena natureza ben en solitario ou ben deixándote acompañar polo persoal experto que as xornadas poñen á túa disposición. 

Contacta co GDR para recibir máis información.

Podes inscribirte aquí: Ficha de inscrición