Rutas homologadas de sendeirismo


No territorio dos Camiños da Auga contamos con once rutas de sendeirismo homologadas que che axudarán a descubrir excelentes paisaxes e unha flora e fauna únicas en Galicia. A nosa proposta comeza na Ponte Basebe, en Touro, no PR-G 93, para facer a ruta da Ribeira do Ulla, que che permitirá coñecer espectaculares fervenzas e conectar coas outras rutas ata chegar ao concello de Arzúa. En Santiso podemos bordear o encoro de Portodemouros camiñando ou facer unha ruta en BTT. O sendeiro de Sobrado dos Monxes, coa visita á Lagoa, e a senda dos Muíños do río das Gándaras, en Vilasantar, completan as rutas homologadas neste territorio.

Percorrendo outros sendeiros non homologados nos nove concellos dos Camiños da Auga poderás gozar dunha experiencia inesquecible, e darte baños de bosque nunha contorna segura, reencontrándote coa natureza.

PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla (Touro)

Punto de saída: Ponte Basebe, que comunica os municipios de Touro e Vila de Cruces sobre o río Ulla. A uns 45 minutos en coche dende Santiago de Compostela

Punto de chegada: San Pedro de Ribeira.

Accesible para facer en bicicleta e dacabalo.

Lonxitude: 12,8 km

Duración: 4 horas

Lugar: Touro (Río Ulla).

Dificultade: Media

Tomando como punto de partida a Ponte Basebe, o camiño discorre pola marxe dereita do Ulla, tendo ao río como principal protagonista. Camíñase por sendas de pescadores entre bosques de ribeira, restos de muíños e abandonadas ouriceiras ata aproximarse á fermosa paraxe da fervenza do Inferniño, os muíños de Quintas e as ruínas do Pazo de San Cristovo, antes de atravesar a vaira do Pozo do Pego e rematar na estrada a San Pedro de Ribeira.

Conecta do PR-G 121, que permite seguir ao carón do Ulla ata a desembocadura do Lañas, aquí enlazar co PR-G 233 ata fervenza das Hortas, xa no límite co concello de Arzúa e, dende aquí, continuar polo PR-G 169.

+ info (Wikiloc)

PR-G 121 Ruta dos Tres Ríos (Touro)

Punto de saída: Área recreativa de Ponte Santaia, preto de Fonte Díaz, a uns 45 minutos en coche dende Santiago.

Punto de chegada: Ponte Basebe. Dende aquí pódese iniciar o PR-G 93.

Pódese facer en sentido inverso.

Lonxitude: 8,9 km

Duración: 3 horas e 30 minutos

Lugar: Touro (río Ulla)

Dificultade: Media

O percorrido pasa polas parroquias de Touro, Fao, Cornado e Novefontes, paralelo na maior parte do percorrido aos ríos Lañas, Beseño e Ulla nun continuo e leve descenso que remata na Ponte Basebe, que comunica Touro con Vila de Cruces. Tamén se pode facer en sentido inverso.

O sendeiro ofrece espazos naturais de gran beleza e, ademais, permite observar numerosos muíños, o primeiro deles o muíño da Carballa, no quilómetro dous. A fervenza coñecida como o Salto das Pombas, cunha caída desde 10 metros de altura, é outro dos atractivos desta ruta.

Na desembocadura do río Lañas conecta co PR-G 233 e, en Ponte Basebe, co PR-G 93.

+ info

PR-G 233

Punto de saída: Fervenza das Hortas, no límite entre os concellos de Arzúa e Touro. A uns 50 minutos en coche dende Santiago de Compostela

Punto de chegada: Ponte na desembocadura do río Lañas.

Lonxitude: 12,32 km.

Duración: 4 horas

Lugar: Touro (Río Ulla)

Dificultade: Media

Sendeiro que, combinado co PR-G 169 e co PR-G 121, permite completar os 40 km da ribeira do Ulla no Concello de Touro, entre Arzúa e Boqueixón.

O camiño discorre por fragas e bosques de ribeira e descobre elementos naturais e patrimoniais como fervenzas, pontes, muíños, fontes ou lavadoiros. Un desvío opcional dun quilómetro dende Os Chaos conduce ao petróglifo de Pena Furada.

+ info

PR-G 169 Ruta da Fervenza das Hortas (Arzúa)

Punto de saída: Capela da Fonsanta, ao carón do río Iso, en Arzúa, a uns 45 minutos en coche dende Santiago

Punto de chegada: Fervenza das Hortas, no límite entre os concellos de Touro e Arzúa. Dende aquí pódese enlazar co PR-G 233, ruta da Fervenza das Hortas ao río Lañas.

Lonxitude: 20 km

Duración: 5 horas e 30 minutos

Lugar: Arzúa (río Ulla)

Dificultade: Media

O percorrido iniciase na capela de Fonte Santa, na estrada que vai de Arzúa ao encoro de Portodemouros. Entre os puntos principais destacan o Torrente de Maroxo, que termina no couto do mesmo nome e ofrece unha panorámica única de Arzúa; o encoro de Portodemouros; o museo do mel O Enredo do Abelleiro e, finalmente, a espectacular Fervenza das Hortas, de 30 metros de altura e límite natural entre Arzúa e Touro. Esta ruta pódese facer en sentido inverso, comezando na Fervenza das Hortas, como se explica neste enlace.

Dende a Fervenza das Hortas pódese continuar polo PR-G 233 ata a desembocadura en Touro do río Lañas no Ulla, enlazando neste punto co PR-G 121, que a súa vez conecta co PR-G 93, permitindo facer un percorrido paralelo ao Ulla, augas abaixo, duns 40 quilómetros ata o concello de Boqueixón.

PR25 Sendeiro de Visantoña (Santiso)-G 1

Ruta circular. Punto de saída e chegada: Centro social de Visantoña (Santiso), a 50 minutos en coche dende Santiago, A Coruña ou Lugo.
Pódese realizar tamén en bicicleta ou dacabalo
Lonxitude: 14,23 km.
Duración: 4 horas.
Lugar: Santiso.
Dificultade: Baixa

A maior parte do percorrido faise por pistas de terra, polo medio de pradeiras. Entre os puntos de interese desta ruta destacan o Pazo Vilar de Ferreiros, o conxunto de Muíños do Tajo, así como os restos das sepulturas megalíticas do Ribeiro, as mámoas ou as vistas do encoro de Portodemouros, construído nos anos 60 sobre o río Ulla.

+ info (Wikiloc)

PR-G 226 Ruta da Beseña (Santiso)

Punto de saída: Lugar de Barazón (Santiso), a unha hora en coche dende Santiago, A Coruña ou Lugo

Punto de chegada: San Xoán de Visantoña, xunto ao polideportivo.

Recomendable para facer en BTT

Lonxitude: 37,78 km.

Duración: 2 horas.

Lugar: Santiso.

Dificultade: Baixa.

 

Percorrido lineal de 37,78 km ao carón do río Ulla, recomendado para facer en bicicleta. Ten como punto de saída O Muiño dos Enmeigados, en Barazón Grande, 

transcorre na parte final preto do encoro de Portodemouros, onde se atopa o único ferri de augas doces de Galicia que, de forma gratuíta, cruza aos viaxeiros dende Santiso ata Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra.

+info (Wikiloc)

PR-G 166 Ruta das Fervenzas (Toques)

Ruta circular. Punto de saída e chegada: Ponte da Grela, en Toques, a unha hora en coche dende Santiago de Compostela, Lugo ou A Coruña.
Apta para facer a cabalo ou en bicicleta.
Lonxitude: 9 km.
Duración: 4 hoas
Lugar: Toques.
Dificultade: Baixa.

A senda nace preto da Ponte da Grela, na capital municipal, e discorre paralela ao río Furelos en dirección á Serra do Careón, que forma parte da Rede Natura 2000. No primeiro tramo hai unha variante de 2,1 km que leva por un contorno máis agreste. É apta para facer a cabalo ou en bicicleta e conecta cos PR-G 167 e PR-G 168, permitindo combinar itinerarios.

Ademais do seu valor paisaxístico e natural, un dos principais atractivos é a fervenza das Brañas, cunha caída de auga de 20 metros de altura e un antigo muíño.

+ info

PR-G 167 Ruta da Ermida (Toques)

Ruta primeiro lineal e logo circular. Punto de saída e chegada: A 250 metros Ponte da Grela, en Toques, a unha hora en coche dende Santiago de Compostela, Lugo ou A Coruña.

Apta para facer en BTT e cabalo.

Lonxitude: 8,6 km.

Duración: 3 horas.

Lugar: Toques.

Difituldade: Baixa.

O percorrido comeza por un tramo lineal que logo se converte en circular, pode realizarse en 3 horas ou combinarse co PR-G 166 e PR-G 168.

O punto de partida sitúase a 250 m da Ponte da Grela. No alto da Serra do Careón, desde o cruceiro da ermida de San Cidre divísase unha boa panorámica da contorna, que forma parte da Rede Natura 2000 e conta con especies endémicas. O camiño segue polos cumios en dirección a San Xiao, onde se poden visitar a ermida, a carballeira, a Casa Grande do Herdeiro e o castro.

+ info

PR-G 168 Ruta dos Megalitos (Toques)

Punto de saída: Aldea de Mirallos (Toques).

Punto de chegada: Monte do Peneiral.

Apta para facer en BTT e cabalo.

Lonxitude: 12,2 km.

Duración: 4 horas

Lugar: Toques.

Dificultade: Baixa.

 

Poderíase considerar unha ruta circular, aínda que hai unha diferencia duns 900 metros entre o punto de inicio, en Mirallos, e o de final, no monte do Peneiral, que se pode facer de forma illada ou combinándoo cos PR-G 166 e PR-G 167, que transcorren pola serra do Careón, catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria.

Ademais das espectaculares vistas panorámicas desde a serra do Bocelo, o atractivo principal desta ruta é o dolmen de Forno dos Mouros, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia, que conserva case a totalidade das súas pinturas.

+ info

PR-G 235 Sendeiro de Sobrado dos Monxes (Sobrado dos Monxes)

Ruta circular. Punto de saída e chegada: Lagoa de Sobrado dos Monxes, a unha hora en coche tanto dende Santiago de Compostela como dende Lugo.

Lonxitude: 4,21 km.

Duración: 3 horas e 50 minutos.

Lugar: Sobrado dos Monxes.

Dificultade: Baixa.

Tamén coñecido como roteiro da ‘Pena Moura’, este sendeiro discorre entre pradarías e pequenos vales fluviais ata ascender á Serra do Bocelo, onde está a Pena da Moura. O percorrido ten como puntos de interese a Lagoa de Sobrado, o Forno dos Mouros e o Mosteiro de Santa María de Sobrado. Ademais, desde o Coto dos Tarbos obtense unha boa panorámica sobre a parte norte das terras do alto Tambre. O dolmen de Forno dos Mouros, no concello de Toques, atópase moi preto desta ruta, e nel pódese enlazar coa PR-G 168.

+ info (Wikiloc)

PR-G 195 Muíños do río das Gándaras (Vilasantar)

Punto de saída: Muiño do Ponte Sapo, en Vilasantar, a 50 minutos en coche dende Santiago de Compostela ou A Coruña.

Punto de chegada: Ponte da Gándara.

Lonxitude: 13 km.

Duración: 4 horas.

Lugar: Vilasantar.

Dificultade: Moderada.

Paseo fluvial polos ríos Cabalar e das Gándaras, afluentes do Tambre que separan Vilasantar de Boimorto, que comeza no muíño do Ponte Sapo. No percorrido pódense ver unha ducia de muíños, entre os que destaca o batán de Mezonzo. Xunto coa fervenza e co serradoiro, este muíño forma un fermoso enclave dun gran valor etnográfico e cultural.

+ info