O alumnado dos cinco centros educativos participantes no proxecto compartiu o escenario de Interritmos cos grupos de música tradicional que o acompañaron durante os últimos meses.
O pasado sábado 29 de agosto, o escenario de Interritmos, no Festival de la Luz de Boimorto, encheuse de música, emoción e orgullo polo noso patrimonio cultural coa actuación final do proxecto Xílgaro.
Os nenos e nenas dos cinco centros educativos participantes subiron ao escenario acompañados polos grupos de música de raíz cos que estiveron traballando durante os últimos meses. Foi o punto culminante dun proceso de aprendizaxe, convivencia e creación compartida no que artistas e alumnado intercambiaron saberes, tempo, ilusión e, sobre todo, moito amor pola cultura galega.
No territorio do GDR Ulla Tambre Mandeo participaron o CEIP de Arzúa, cuxo alumnado traballou xunto ao grupo Unto Vello, e o CPI Camiño de Santiago do Pino, acompañado por Leirabuxo. A través de diferentes obradoiros, os escolares achegáronse á música de tradición oral da súa contorna, coñeceron os seus ritmos, instrumentos e historias e prepararon as pezas que finalmente interpretaron no Festival de la Luz.
Un proxecto para transmitir, crear e facer comunidade
Xílgaro nace co propósito de fortalecer a cohesión social mediante a transmisión interxeracional de saberes, promovendo o diálogo entre a infancia, as persoas maiores e os artistas emerxentes. O proxecto entende a música tradicional non só como unha manifestación do noso patrimonio, senón tamén como unha ferramenta educativa, comunitaria e de dinamización do medio rural.
Ao longo do seu desenvolvemento, os encontros nos centros educativos e os campamentos musicais favoreceron unha aprendizaxe baseada na experiencia, na convivencia e no contacto directo coas persoas que manteñen viva a tradición musical galega.
A iniciativa tamén busca apoiar a profesionalización e a visibilidade dos artistas emerxentes vinculados á música tradicional, ofrecéndolles ferramentas, experiencias e contextos reais de traballo no rural. Deste xeito, Xílgaro contribúe á creación de novas oportunidades culturais e económicas no territorio.
As nosas raíces medran coas novas xeracións
A actuación na décimo quinta edición do Festival de la Luz permitiu compartir con todo o público o traballo realizado durante estes meses. Sobre o escenario, a emoción, a música e a complicidade entre alumnado e artistas demostraron que a tradición continúa viva cando se transmite, se comparte e se deixa evolucionar nas mans das novas xeracións.
Foron momentos para non esquecer e unha mostra do enorme potencial da cultura como punto de encontro entre xeracións e territorios.
Desde o GDR Ulla Tambre Mandeo queremos agradecer o compromiso dos nenos e nenas, das familias, do profesorado, dos centros educativos, dos grupos musicais e de todas as entidades e persoas que fixeron posible esta experiencia, porque as nosas raíces tamén medran fortes nas novas xeracións.
Unha iniciativa de cooperación LEADER
Xílgaro é un proxecto de cooperación desenvolvido no marco dos fondos LEADER de Galicia, coordinado polo GDR Deloa, coa colaboración do GDR Ulla Tambre Mandeo e do GDR Ribeira Sacra-Courel, e coa participación da Fundación Paideia Galiza.
A iniciativa desenvolverase entre os anos 2026 e 2027, dando continuidade ás actividades de transmisión cultural, convivencia e promoción da música de raíz no medio rural.


































