- A iniciativa de cooperación arrancou en Tui e prevé a creación dun espazo de venda e dinamización no territorio Ulla Tambre Mandeo.
O GDR Ulla Tambre Mandeo participa na segunda edición de Espazos Efémeros, un proxecto de cooperación que une os grupos de desenvolvemento rural Galicia Suroeste Eurural, como entidade coordinadora, Limia-Arnoia e Ulla Tambre Mandeo. Durante 2026 e 2027, as tres entidades traballarán para abrir novas oportunidades ao pequeno comercio, á artesanía e á produción local mediante unha rede de espazos temporais sostibles.
A primeira cita desta edición tivo lugar en Tui, do 9 ao 12 de outubro, no edificio da praza da Inmaculada. O encontro reuniu dezaoito postos con propostas de artesanía, xoiería, moda e alimentación, acompañados dunha programación de obradoiros demostrativos e música en directo. A xerenta do GDR Ulla Tambre Mandeo, María Fernández Varela, participou na xornada do 9 de outubro.
A participación do noso GDR permite compartir experiencias con outros territorios e avanzar nun obxectivo común: ofrecer ás persoas emprendedoras novos lugares nos que presentar o seu traballo e establecer contacto directo co público. O proxecto tamén busca favorecer a cooperación entre pequenos negocios e achegar á veciñanza a diversidade de produtos e propostas que nacen no rural.
Un espazo efémero no territorio Ulla Tambre Mandeo
Esta segunda edición contempla catro espazos efémeros: dous no territorio de Galicia Suroeste, un no de Limia-Arnoia e outro no de Ulla Tambre Mandeo. Cada cita combinará a actividade comercial con propostas culturais e gastronómicas, procurando que a venda de produtos se acompañe de experiencias que conviden a coñecer o territorio.
Para o GDR Ulla Tambre Mandeo, esta iniciativa supón unha oportunidade para dar visibilidade ao tecido produtor e creativo local, facilitar novas vías de comercialización e apoiar o emprendemento, con especial atención ás mulleres e á mocidade.
Espazos Efémeros II desenvólvese a través da cooperación LEADER, no marco do PEPAC 2023–2027, con financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.







































