O GDR Ulla Tambre Mandeo presentou na área recreativa de Brandelos, no Concello de Touro, a II edición do Desafío Gravel BTT Ulla Tambre. Trátase dunha cita imprescindible para os amantes do ciclismo gravel e da natureza.
A primeira cita do desafío será o 30 de maio, no Concello de Touro; mentres que a segunda, que se celebrará o 6 de xuño, terá lugar no Concello de
Vilasantar, con treitos que se adentran no de Boimorto e Sobrado dos Monxes.
Ambas rutas serán circulares e ofrecerán dúas opcións. Por unha banda, a Jraveliña, unha ruta máis suave de 35 quilómetro. Pola outra, o Jravelón, de
arredor 60 quilómetros. Así, están pensadas para adaptarse a distintos niveis de participación.
As persoas interesadas en participar no II Desafío Gravel BTT Ulla Tambre poderán inscribirse no seguinte enlace:
Esta iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos do GDR Ulla Tambre Mandeo da dinamización cultural e turística dos nove municipios que o
conforman: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado dos Monxes, Touro, Toques e Vilasantar. Neste sentido, fai case unha década que a
entidade aposta polo ciclismo de natureza como instrumento de coñecemento da riqueza paisaxística e cultural do territorio, ademais de xeito activo e
saudable.
Esta segunda edición do gravel nace tras o éxito da primeira edición, na que máis de 350 persoas percorreron os Concellos de Boimorto e Toques,
incluíndo zonas de Rede Natura 2000. Así pois, o evento xa está consolidado como unha das pioneiras do gravel en Galicia.
A xunta directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo presentou a II edición do Desafío Gravel BTT Ulla Tambre na touresa área recreativa de Brandelos,
coñecida pola tradición dos seus baños de augas curativas.
O alcalde de Touro, Jesús Reboredo, explicou os obxectivos de desenvolvemento sustentable que o GDR persigue coa organización deste evento non
competitivo. O encargado de explicar os pormenores da proba foi o alcalde de Vilasantar, Fernando Fernández Pérez, recoñecido amateur ciclista. O seu municipio destaca igualmente polo seu potencial patrimonial e natural, un cóctel perfecto para desfrutar do gravel auténtico.
O peche do acto correu a cargo de María Jesús Novo, presidenta do GDR e alcaldesa de Boimorto. Finalmente, animou a participar neste II Desafío Gravel Ulla Tambre “para desfrutar da inmensa riqueza paisaxística e patrimonial do territorio á vez que se practica un deporte cada vez máis en alza, cunha calidade no deseño de rutas envexable”.



































