O GDR Ulla Tambre Mandeo participa neste proxecto de cooperación para apoiar as comunidades enerxéticas e favorecer un modelo máis participativo no rural
A xornada informativa sobre a Comunidade Enerxética de Vilasantar, convocada para o 5 de novembro na Cámara Agraria de Présaras, enmárcase en Redenerxía, o proxecto no que o noso GDR traballa xunto cos grupos Seitura 22, Terra Chá e Terras de Miranda.
A proposta busca achegar á veciñanza as posibilidades de colaborar na produción e no consumo de enerxía renovable desde o ámbito local. As comunidades enerxéticas permiten que a cidadanía, as pequenas empresas e as entidades locais participen en iniciativas compartidas, vinculadas ás necesidades do seu territorio.
Desde o GDR Ulla Tambre Mandeo contribuímos a este proceso achegando información, facilitando o intercambio de experiencias e acompañando as iniciativas interesadas. A nosa participación en Redenerxía responde á vontade de que a transición enerxética xere oportunidades e beneficios no rural.
O proxecto ofrece, ata finais de 2027, apoio técnico, xurídico e administrativo gratuíto ás comunidades dos territorios dos catro grupos participantes, tanto para impulsar novas propostas como para axudar a avanzar ás que xa están en marcha.
As persoas e entidades interesadas poden contactar co GDR Ulla Tambre Mandeo ou consultar máis información en www.redenerxia.gal.










































