O Concello de Touro converteuse o pasado sábado no epicentro do gravel galego coa celebración do II Desafío Gravel Ulla-Tambre-Mandeo, unha cita deportiva e de promoción do territorio que reuniu preto dun cento de participantes chegados de diferentes puntos de Galicia.
A pista multideportiva situada a escasos metros da Casa do Concello de Touro foi o punto de saída dunha xornada marcada polo deporte, a natureza e a convivencia, nun evento organizado polo GDR Ulla-Tambre-Mandeo co fin de promocionar deporte, territorio e natureza. Na proba participaron a presidenta do GDR, María Jesús López Novo e estivo presente o alcalde de Touro, Jesús Reboredo, quen quixeron acompañar aos ciclistas nesta segunda edición dunha iniciativa que continúa consolidándose dentro do calendario gravel galego.

A Presidenta do GDR, Mª Jesús Novo á esquerda, Iván Raña, e o alcalde de Touro, Jesús Reboredo.
Os participantes puideron escoller entre dúas modalidades: o “Jravelón”, cun percorrido máis esixente, e a “Jraveliña”, unha opción máis accesible pero igualmente espectacular desde o punto de vista paisaxístico. Durante toda a xornada, os asistentes coincidiron en destacar a beleza natural do percorrido, a variedade do trazado e o equilibrio entre subidas e baixadas, facendo da ruta unha experiencia moi atractiva tanto para os amantes da competición como para os afeccionados ao ciclismo de aventura.
A proba desenvolveuse con total normalidade e contou ademais cunhas condicións meteorolóxicas moi favorables, o que contribuíu ao éxito da convocatoria e ao bo ambiente vivido durante toda a mañá.
Ao remate da xornada realizáronse diferentes sorteos de produtos da terra, grazas á colaboración de entidades e empresas do territorio, entre elas a DOP Arzúa-Ulloa. O evento contou tamén coa colaboración especial de Iván Raña, tricampión do mundo de tríatlon, que quixo sumarse a esta iniciativa de promoción deportiva e territorial.
Dende o GDR Ulla-Tambre-Mandeo valorouse moi positivamente esta segunda edición do desafío, destacando a crecente participación e o impacto positivo que este tipo de actividades teñen para dar a coñecer o territorio, fomentar hábitos de vida saudables e dinamizar o rural a través do deporte e da natureza.
Tras o éxito da xornada celebrada en Touro, o II Desafío Gravel Ulla-Tambre-Mandeo vivirá o seu gran peche este sábado 6 de xuño en Vilasantar e Sobrado dos Monxes. A cita permitirá aos participantes seguir descubrindo os Camiños de Auga a través de espectaculares pistas e camiños que atravesan espazos naturais e elementos patrimoniais de gran valor, reafirmando o potencial do territorio como destino de referencia para a práctica do gravel en Galicia.



































