O pasado martes, 27 de xaneiro de 2026, na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar, tivo lugar a celebración da Asemblea Xeral do GDR Ulla Tambre Mandeo. Con carácter previo á mesma, tamén se celebrou unha reunión da Xunta Directiva onde se acordou a solicitude de autorización, por parte de Agader, dos gastos do GDR para a anualidade 2026. O importe solicitado ascende a un total de 237.000 euros os cales se destinarán ó funcionamento da oficina técnica da Asociación, á posta en marcha de actividades de animación dedicados á consolidación do Ulla Tambre Mandeo como destino cicloturista e á súa promoción e, tamén, á participación do GDR en proxectos de cooperación con outros GDRs. De igual xeito, aprobouse a solicitude dun anticipo do 50% destes fondos para poder comezar coas actuacións canto antes. Outro dos puntos importantes a tratar foi a modificación realizada tanto do baremo de valoración de proxectos produtivos como das limitacións sectoriais, autorizada xa por Agader, que a Xunta Directiva levou a cabo co dobre obxectivo, por unha parte, o de flexibilizar os requisitos de subvencionalidade para o sector do comercio polo miúdo no caso dos promotores do Bono Activa Rural, e, pola outra, para adecuar a puntuación do baremo de produtivos á realidade dos proxectos que se estiveron recibindo e poder conceder axudas máis atractivas. Ambas modificacións entrarán en vigor de cara á futura Convocatoria Leader 2026-2028, a cal se publicará a principios de febreiro no DOG e dotará ó GDR Ulla Tambre Mandeo de preto de 1.263.000 euros para proxectos empresariais e proxectos non produtivos, promovidos tanto por Concellos como por asociacións sen ánimo de lucro.
Non menos importante foi a aprobación en Xunta Directiva nun manifesto en apoio do Leader e da PAC no vindeiro periodo de programación europeo 2028-2032, elaborado polo conxunto de GDRs galegos, e no que se solicita á Unión Europea que non se recorten fondos para a PAC nin para o desenvolvemento rural ó tempo que se solicita que se manteñan unha asignación do orzamento mínima para Leader dentro da normativa. O manifesto trasladarase tamén a todos e cada un dos Concellos que conforman o Ulla Tambre Mandeo para que sea aprobado nos seus respectivos plenos municipais.
Na Asemblea Xeral, como é usual, aprobáronse as contas e a memoria de actividades do ano 2025, así como tamén da proposta das actividades e orzamento para 2026 e das modificacións anteriores realizadas nas normas de xestión do Leader. Unha vez rematada a Asemblea, os membros do GDR aproveitaron a xornada para coñecer de primeira man o funcionamento dunha das súas entidades asociadas, A Raíña, a cal desenvolve unha labor encomiable a través da empresa de inserción social coa que conta dedicada tanto á horta ecolóxica como á elaboración e venda de produtos sen glute, así como de outras actividades e servizos como o acompañamento de maiores ou a acollida habitacional a persoas que o necesitan.
Nesta xornada tamén se efectuou a despedida oficial da técnica do GDR María Mellid, a cal cesará no seu posto na asociación proximamente.





































