- O GDR Ulla Tambre Mandeo participou en Moeche no I Encontro de Comunidades Enerxéticas de Galicia, unha iniciativa desenvolvida no marco do proxecto de cooperación Redenerxía, no que traballamos conxuntamente cos GDR Seitura 22, Terra Chá e Terras de Miranda.
O encontro naceu co obxectivo de crear un espazo de intercambio entre comunidades enerxéticas de distintos territorios galegos, compartir experiencias, identificar os principais obstáculos que están atopando para desenvolver os seus proxectos e explorar fórmulas de colaboración que permitan resolver dificultades e reducir custos.
Na xornada participaron seis comunidades enerxéticas xa constituídas e outras tres iniciativas en fase de desenvolvemento, con diferentes graos de avance. Esta diversidade permitiu coñecer de primeira man tanto experiencias que xa están dando pasos cara á produción e ao autoconsumo colectivo como proxectos que aínda se atopan nas súas primeiras fases.

Entre as cuestións abordadas destacaron os atrancos administrativos e burocráticos que están atrasando a posta en funcionamento dalgunhas instalacións, así como o elevado custo dos seguros necesarios para estes proxectos. Precisamente, unha das primeiras liñas de traballo conxunto acordadas no encontro será avanzar na negociación colectiva das pólizas de seguro, co obxectivo de conseguir mellores condicións e reducir os custos fixos das comunidades. Tamén se analizaron posibilidades como as compras compartidas de electricidade, placas solares ou baterías.
A xornada permitiu ademais resolver cuestións legais relacionadas coa compra e cesión de electricidade e coa repotenciación eólica, así como coñecer outras experiencias vinculadas á produción e comercialización comunitaria de enerxía renovable.
Redenerxía: cooperación para impulsar a enerxía comunitaria no rural
A participación do GDR Ulla Tambre Mandeo nesta iniciativa forma parte dun proxecto de cooperación que pretende favorecer a creación de novas iniciativas de enerxía comunitaria e apoiar ás xa existentes.
Ata finais de 2027, Redenerxía ofrecerá ás comunidades dos territorios dos catro GDR participantes acompañamento técnico, xurídico e administrativo gratuíto, co obxectivo de contribuír a desbloquear proxectos e facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas enerxéticas no rural.
Desde o GDR Ulla Tambre Mandeo continuaremos participando neste traballo en rede, achegando ao noso territorio coñecemento, experiencias e ferramentas que faciliten a posta en marcha de proxectos de enerxía comunitaria e contribúan a avanzar cara a un modelo enerxético máis participativo e vinculado ao territorio.

































