Despois de ensaiar as pezas e levalas ao escenario do Festival da Luz da man de Leirabuxo, o alumnado do centro gravounas nun estudo profesional e aproveitou a xornada na cidade hercúlea para coñecer algúsns dos lugares emblemáticos da mesma
Os nenos e nenas do CPI Camiño de Santiago de O Pino viviron unha xornada especial na A Coruña. Dentro do proxecto Xílgaro, no que participa o GDR Ulla Tambre Mandeo xunto coa Asociación DELOA, o alumnado desprazouse ata os estudos Man para gravar as pezas musicais que forman parte desta iniciativa musical.
Non eran pezas descoñecidas para eles. Durante semanas practicaron e ensaiaron cada unha delas nunha simbiose co grupo de música tradicional melidense Leirabuxo, e xa as levaron ao escenario do Festival da Luz, onde as presentaron ante o público. Os estudos Man foron o seguinte paso do proceso: deixar constancia profesional do traballo feito e ver como nace un produto cultural desde a cooperación entre grupos de música tradicionais do territorio e a cativada.
Durante a visita, o alumnado puido coñecer de preto como funciona un estudo de gravación, achegarse ás ferramentas e ás técnicas do ámbito audiovisual e participar de maneira activa na gravación. Un percorrido completo, dos ensaios ao escenario e do escenario ao estudo, que lles permitiu vivir todas as fases dunha creación artística.
Xílgaro aposta pola participación da infancia como protagonista, e non só como público. Que os nenos e nenas sexan parte do proceso creativo reforza a súa vinculación co proxecto e co seu territorio, e achega unha mirada fresca e propia ao resultado final. Esta integración do alumnado nun proxecto cultural de cooperación contribúe a que as novas xeracións valoren e se sintan parte do patrimonio e da identidade da comarca.
A actividade destaca tamén polo seu compoñente innovador. Levar o alumnado dun centro do rural a un estudo de gravación abre novas oportunidades de aprendizaxe, achega recursos tecnolóxicos e creativos que non sempre están ao alcance do entorno rural e demostra que a cultura, a innovación e o medio rural poden ir da man.
Ao rematar as gravacións, o grupo aproveitou a viaxe para coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade, combinando así o traballo e o lecer nunha xornada formativa e de convivencia.
Desde o GDR Ulla Tambre Mandeo queremos agradecer a implicación do profesorado e das familias, así como a acollida dos estudos Man, que fixeron posible esta experiencia.


















































