O II Desafío Gravel Ulla Tambre Mandeo concluíu o pasado sábado en Vilasantar e Sobrado dos Monxes cun notable éxito de participación e consolidándose como unha das citas de referencia do calendario gravel galego. A iniciativa, impulsada polo GDR Ulla Tambre Mandeo, reuniu ao longo das dúas probas máis de douscentos participantes chegados de distintos puntos de Galicia, que puideron descubrir un territorio único onde se combinan deporte, natureza, patrimonio e paisaxe.
A primeira das citas celebrouse o pasado 30 de maio polos concellos de Touro e Boimorto, mentres que a segunda e última proba tivo como escenario os concellos de Vilasantar e Sobrado dos Monxes. Nesta última xornada, Vilasantar converteuse no epicentro do gravel galego, congregando a 170 ciclistas que participaron nas dúas modalidades habilitadas: a Jraveliña, cun percorrido de 38 quilómetros, e o Jravelón, de 58 quilómetros.
A proba desenvolveuse con total normalidade, nun ambiente marcado polo compañeirismo, o respecto polo medio natural e o desfrute dun territorio que ofrece condicións excepcionais para a práctica desta disciplina deportiva. Os participantes destacaron especialmente a beleza das paisaxes, a variedade dos percorridos e a perfecta combinación entre pistas, patrimonio e contorna rural.
Un ano máis, o triatleta galego Iván Raña exerceu de embaixador da proba e do territorio, apoiando unha iniciativa que contribúe a dar visibilidade aos recursos naturais, culturais e turísticos da comarca e reforzando a proxección do evento dentro e fóra de Galicia.
Como broche final á xornada, os participantes recibiron un agasallo moi especial: un chaveiro artesanal deseñado e elaborado a man pola artesá Vivian Arana, afincada no veciño concello do Pino. A peza, inspirada no mundo da bicicleta e creada con tintas vexetais obtidas a partir de elementos naturais como o grelo e o fento, incorpora ademais unha etiqueta sustentable con sementes de flores silvestres, que poderá ser plantada para continuar deixando pegada positiva no territorio.
O evento contou tamén coa colaboración da DOP Arzúa-Ulloa e de Queixería Bama, que contribuíron a poñer en valor un dos produtos máis representativos do territorio. Grazas á súa implicación, os participantes puideron desfrutar de degustacións de queixo e participar nos sorteos realizados ao remate das probas, achegando así unha experiencia gastronómica que complementou á perfección a práctica deportiva e a promoción dos recursos locais.
Desde o GDR Ulla Tambre Mandeo valoran moi positivamente o desenvolvemento desta segunda edición, que volveu demostrar que a combinación de patrimonio natural, cultura, turismo activo e deporte constitúe unha fórmula de éxito para promover o territorio. O obxectivo é seguir consolidando esta cita como un evento imprescindible para os amantes do gravel e como unha ferramenta de dinamización e promoción dos recursos locais.



































