A xuntanza celebrarase o xoves 5 de novembro, ás 20.00 horas, na Cámara Agraria de Présaras, para achegar á veciñanza as posibilidades da enerxía comunitaria.
O GDR Ulla Tambre Mandeo convida á veciñanza a participar na xornada informativa sobre a Comunidade Enerxética de Vilasantar, que terá lugar o vindeiro xoves 5 de novembro na Cámara Agraria de Présaras. A cita permitirá coñecer esta iniciativa e achegarse ás posibilidades de colaborar na produción e no consumo de enerxía renovable desde o ámbito local.
A xornada enmárcase en Redenerxía, o proxecto de cooperación no que o noso GDR traballa xunto cos grupos Seitura 22, Terra Chá e Terras de Miranda para impulsar as comunidades enerxéticas no rural galego.
A través deste proxecto, o GDR Ulla Tambre Mandeo actúa como axente dinamizador no territorio: achega información, facilita o intercambio de experiencias e acompaña as iniciativas interesadas en avanzar cara a un modelo enerxético máis participativo. Redenerxía ofrece, ata finais de 2027, apoio técnico, xurídico e administrativo gratuíto ás comunidades dos territorios dos catro grupos participantes, tanto para favorecer novas propostas como para axudar a desbloquear as que xa están en marcha.
Cooperar para avanzar desde o territorio
Este traballo en rede permite compartir coñecementos e buscar solucións a dificultades comúns. Un exemplo foi o primeiro encontro de comunidades enerxéticas de Galicia, celebrado en Moeche, no que participou o noso GDR e se abordaron cuestións como os trámites administrativos, os seguros e as posibilidades de realizar compras conxuntas.
A xuntanza de Vilasantar dá continuidade a este labor de información e acompañamento, achegando o proxecto á veciñanza e abrindo un espazo para coñecer as oportunidades da enerxía comunitaria no propio concello.
Animamos ás persoas interesadas a achegarse, informarse e compartir as súas dúbidas.
- Data: xoves 5 de novembro de 2026.
- Hora: 20.00 horas.
- Lugar: Cámara Agraria de Présaras, Vilasantar.
Máis información sobre o proxecto en www.redenerxia.gal.

































