O luns 13 de outubro de 2025 a Xunta Directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo reuniuse na Fundación Amparo Varela Ron, en Toques, co obxectivo fundamental de aprobar os proxectos produtivos (de empresas) da convocatoria Leader 2025-2026 e asignar os fondos sobrantes aos proxectos de concellos que se atopaban en lista de agarda.
O GDR aprobou nove novas subvencións, entre os cales se atopan dúas situadas en Toques, un proxecto destinado a taller de vehículos agrarios cun investimento de 277.871 que contará entre o seu equipamento cun moderno robot que permite incluso a fabricación de pezas para a reparación así como o emprendemento dunha graduada en belas arte opta a axuda do Bono Activa Rural, dotado con 18.000 euros para novas altas no réxime de autónomos, e dará talleres e cursos a público infantil e adulto en diversas técnicas artísticas e artesanais, en Toques, Melide e concellos limítrofes. Tamén opta ó Bono Activa Rural outra promotora de Arzúa, a cal porá en marcha unha nova actividade de servicios de auxiliar veterinario a domicilio. Na mesma localidade amplíase tamén unha empresa de fabricación de casas modulares co obxectivo de duplicar a súa capacidade de produción, para o cal inviste case 400.000 euros.
Outros dos proxectos sometidos á consideración da Xunta Directiva son a domotización dunha explotación de ovos ecolóxicos en Boimorto, a restauración dun muíño tradicional de moenda para facer visitas guiadas en Boimorto, promovida por unha empresas que actualmente xa conta con outras actividades educativas, entre elas, un zoo doméstico ou, tamén, a incorporación de enerxías renovables nunha explotación de vacún de carne da IXP Tenreira Galega, en O Pino, establecida nun núcleo illado sen rede electrica para a súa actividade diaria. Finalmente, o listado de proxectos tratados conclúe coa adquisición de equipamento por parte dunha carpintería de madeira en Melide, coa que incremente a súa produción e competitividade así como coa adquisición de equipamento por parte dun promotor mozo en Touro que pon en marcha un centro de adestramento persoal.
A xunta directiva mostrouse orgullosa e satisfeita de poder axudar ó emprendemento rural, cunha diversidade importante de actividades, con gran parte de solicitudes feitas por persoas novas que están empezando, e tamén por empresarios que xa están creando riqueza no rural e que seguen ampliando o negocio e xerando valor engadido. Ademais, os investimentos repártense entre sete dos nove concellos, polo que territorialmente se diversifican os investimentos.
Dado que a iniciativa privada aprobada por Agader e a Xunta Directiva non é suficiente para esgotar os fondos dispoñibles, a Xunta Directiva acordou solicitar a Agader que active, cos fondos sobrantes, os proxectos solicitados por Concellos, e que se atopan en lista de agarda por falta de fondos. Este traspaso entre fondos de proxectos produtivos e non produtivos ou viceversa é unha práctica habitual, que se ven realizando ano a ano, e que permite o mellor aproveitamento dos fondos Leader. Desta maneira, a xunta directiva solicita que se complete, en primeiro lugar a resolución parcial do Concello de Toques, que ten unha axuda concedida para a posta en marcha de dúas vivendas sociais. Ata agora os fondos dispoñibles eran de 116.000 euros, que con este traspaso pasa a 200.000 euros. En segundo lugar, solicita que se activen os proxectos do Concello de Boimorto, que habilitará un sistema de portas intelixentse en edificios públicos para facilitar un horario de atención máis amplo, e tamén do Concello de Santiso, onde o proxecto presentado consiste na habilitación dunha aula dixital. Cunha resolución parcial podería activarse tamén a proposta de posta en valor arqueolóxica e cultural do Castro de Calvos de Socamiño, presentada polo Concello de Touro.
A Presidenta do GDR Ulla Tambre Mandeo, Chus Novo, alcaldesa de Boimorto, destacou na reunión a importancia de aproveitar os fondos Leader para a diversificación da economía rural e recorda a tódalas persoas que estean pensando en montar ou ampliar o seu negocio, que a principios do ano 2026 abrirá unha nova convocatoria, polo que é importante acudir a oficina do GDR para informarse, ir madurando o proxecto e preparando a solicitude. A presidenta afirma que, se ben os concellos temos proxectos que presentamos para o aproveitamento dos fondos para o caso de que, como este ano, non se aproben proxectos produtivos suficientes, sempre iniciamos a convocatoria con máis fondos para as empresas, pois dende o GDR o obxectivo principal é primar a iniciativa privada e dar a oportunidade de crear empresas no rural.







































